luns, 19 de marzo de 2018

Poesías a tutiplén

O luns, 19 de marzo, celebramos na biblioteca o VI Concurso de lectura de Poesía en voz alta. Contamos con 34 participantes que se esmeraron en ler en voz alta con fluidez e expresividade. A diferencia doutros anos, neste concurso a lectura foi a primeira vista, os participantes leron os poemas sen preparación previa. 
Os poemas seleccionados para o concurso foron os seguintes:
  • 1º ciclo:
QUE CONTENTO ESTÁ XAN 
Que contento está Xan
co seu novo acordeón
e non para de tocar
un a un os botóns.
Que contento está Xan
co seu novo acordeón
e non pode parar
SI, RE, LA, MI, FA, DÓ.
Olga Brañas ( album Pitusa Semifusa)

  • 2º ciclo:
Un día díxome ao oído
unha frauta presumida,
"sentiches os meus biquiños
que adornan as sinfonías"?
A esa frauta impertinente
contesteille moi en serio
"eu prefiro as frautas vellas
que tocan aires sinceros".
A frauta viroume as costas
nin un adeus pronunciou
notei a rabia nas notas 
cando na rúa soou.
Antonio García Teijeiro


  • 3º ciclo:
TOCA, ARA, TOCA
Toca, Ara, toca,
miña nena fermosa,
toca melodías
lindas e mecosas.
E coas xemas dos teus dedos,
que bonito punteas!
Melodía na man dereita,
harmonía na esquerda.
Toca, Ara, toca
con viola ou zanfona,
con saxo tenor
que soe en La menor.
A arpa ten cordas:
as curtas son agudas
graves son as longas
e soan todas xuntas.
Dame, Ara, dame
esta doce canción
e dareiche a chave
do meu corazón.

                                           Olga Brañas ( album Pitusa Semifusa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario