xoves, 1 de marzo de 2018

Pintura, mosaico e música

Ola, son a Curuxa Catuxa. Deixo aquí por escrito o que me contou a mestra Isabel sobre un traballo moi fermoso que fixo co seu alumnado, na clase de plástica. 
"Facemos noso o dito de Aristóteles: "...educar a mente sen educar o corazón, non é educar en absoluto".
En canto nacemos, os primeiros arrolos e música que sentimos, veñen da nai. Por iso as nanas ou cantigas de berce son tan importantes e dalgunha maneira deixan un selo en nós.
Na clase de plástica fixemos unha boa mestura: pintura, mosaico e música. E xa postos, ata mesturamos dous cadros de Gustav Klim, o da maternidade e o do bico. Máis sentimento, imposible.
A actividade foi bonita, desfrutámola moito. Ademais, valeunos para reutilizar anacos de cartolina e para reciclar retaliños de tea que tiñamos nunha caixa.
Empezouse polo debuxo, despois, tocoulle á "manta" feita mosaico como se dunha colcha de "patchwork" se tratara. E rematouse poñendo o "cristal" ( plastificantdo) e o "marco" ( feito con pinzas da roupa).


O traballo sería incompleto se só se centrara na parte "técnica", por iso se adobou con sentimento. Cantouse na clase a nana que se escoita de fondo, que anos atrás cantaron unha nai e unha avoa ó seu fillo e neto".
Este neniño pequeno
quen o vai aturular.
Súa nai vai no muíño
e seu pai na herba seca.
Ea, ea...
Este neniño pequeno
heino  de aprender a todo
a amasar e a peneirar
e a meter o pan no forno.
Ea, ea...
Esta neniño pequeno
heino de mandar á escola
heille de comprar un bombo
e mais unhas castañolas.
Ea, ea...

Ningún comentario:

Publicar un comentario